Saltar ao contido

Mitrídates VI do Ponto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMitrídates VI do Ponto

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Μιθραδάτης Στ' Εὐπάτωρ Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento134 a. C. Editar o valor en Wikidata
Sinope, Turquía Editar o valor en Wikidata
Morte63 a. C. Editar o valor en Wikidata (70/71 anos)
Reino do Bósforo Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesuicidio Editar o valor en Wikidata
Lista de reis do Ponto (pt) Traducir
119 a. C. – 62 a. C.
← Mitrídates V do Ponto (pt) TraducirFarnaces II do Ponto → Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónlíder militar Editar o valor en Wikidata
Período de tempoPeríodo helenístico Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerras mitridáticas Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaMithridatic dynasty (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeLaódice
Berenice de Quios
Hypsicratea
Monime
Stratonice of Pontus Editar o valor en Wikidata
ParellaAdobogiona the Elder Editar o valor en Wikidata
FillosCleopatra the Younger
 ()
Drypetina
 () Laódice
Eupatra
 ()
Atenais Filostorgos II
 () Monime
Nysa
 ()
Orsabaris, fillo ilexítimo
 ()
Arcathius
 () Laódice
Xerxes of Pontus
 ()
Mitrídates da Cólquida
 () Laódice
Adobogiona the Younger
 () Adobogiona the Elder
Xiphares
 () Stratonice of Pontus
Machares
 () Laódice
Farnaces II do Ponto
 () Laódice
Mitrídates I do Bósforo
 () Adobogiona the Elder
Ariarate
 ()
Cleópatra
 () Laódice Editar o valor en Wikidata
PaisMitrídates V do Ponto Editar o valor en Wikidata  e Laódice Editar o valor en Wikidata
IrmánsLaódice
Mithridates Chrestus
Laódice
Nysa Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1220727

Mitrídates VI, chamado Eupátor Dionisos, (en grego: Μιθραδάτης Εὐπάτωρ Δῐόνῡσος)[nota 1] nado do 132 a.C. e finado no 63 a.C. en Pantikapaion[1] (actual Kerch), tamén coñecido como Mitrídates o Grande, rei do Ponto dende o 120 a.C. até a súa morte, en Asia Menor, foi un dos inimigos máis formidábeis e exitosos de Roma, loitando consecutivamente contra tres dos máis grandes xenerais de finais da República: Sila, Lúculo e Pompeio.

Igualmente, foi un gobernante eficaz, ambicioso e desapiadado que procurou dominar Asia Menor e a rexión do Mar Negro, librando varias guerras duramente combatidas pero finalmente sen éxito (as Guerras mitridáticas) para romper o dominio romano sobre Asia e o mundo helénico.[2] Foi denominado o maior gobernante do Reino do Ponto.[3] Cultivou unha inmunidade aos velenos inxerindo regularmente doses subletais; esta práctica, agora chamada mitridatismo, leva o seu nome. Despois da súa morte pasou a ser coñecido como Mitrídates o Grande.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Mitrídates é a transposición grega do nome persa Mihrdāt, que significa "dado por Mitra", o nome do antigo deus solar iraniano.[4] O nome en si deriva do antigo iraniano Miθra-dāta-.[5]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Orixe, familia e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Mitrídates Eupator Dioniso foi un príncipe de ascendencia mixta persa e grega que afirmaba descender de Ciro o Grande, a familia de Darío o Grande, o rexente Antípatro, un dos xenerais de Alexandre Magno, así como dos posteriores reis Antígono I Monóftalmos e Seleuco I Nicátor.[6]

Mitrídates naceu na cidade póntica de Sinope,[7] na costa do Mar Negro de Anatolia, e criouse no Reino do Ponto. Foi o primeiro fillo dos fillos de Laodice VI e Mitrídates V (reinou entre 150 e 120 a.C.). O seu pai, Mitrídates V, era príncipe e fillo dos antigos monarcas pónticos Farnaces I do Ponto e da súa curmá-muller Nisa. A súa nai, Laódice VI, era unha princesa seléucida e filla dos monarcas seléucidas Antíoco IV Epífanes e da súa irmá e esposa Laodice IV.

Mitrídates V foi asasinado ao redor do 120 a.C. en Sinope, envelenado por persoas descoñecidas nun fastuoso banquete.[8] O reino quedou baixo o control conxunto da súa viúva Laodice VI, do seu fillo máis vello Mitrídates VI e do fillo máis novo Mitrídates Crestos. Como, daquela, nin Mitrídates VI nin o seu irmán máis novo eran maiores de idade, a súa nai mantivo todo o poder como rexente.[9] A rexencia de Laodice VI sobre o Ponto durou dende o 120 a. C. até o 116 a. C. (ou quizais até o 113 a.C.) e favoreceu a Mitrídates Cresto sobre Mitrídates até o punto que durante a rexencia da súa nai, Mitrídates escapou de varios complots organizados pola súa nai contra el e tivo que se esconder.

Entre o 116 a.C. e o 113 a.C., Mitrídates saíu do agocho e regresou ao Ponto sendo aclamado como rei. Nese momento, xa se convertera nun home de considerable estatura e forza física[2] e combinaba unha enerxía e unha determinación extraordinarias cun talento considerable para a política, a organización e a estratexia.[2] Mitrídates retirou a súa nai e a seu irmán do trono, encarcerándoos a ámbolos dous e converténdose no único gobernante do Ponto.[10] Laodice VI morreu en prisión, aparentemente por causas naturais e Mitrídates Crestos tamén morreu no cárcere, ou puido ser xulgado por traizón e executado.[10] Malia a todo o anterior, Mitrídates deulles ós dous funerais reais.[11] A seguir, Mitrídates casou primeiro coa súa irmá máis nova Laodice, de 16 anos[12] cos obxectivos de preserva-la pureza da súa liña dinástica e consolida-la súa pretensión ao trono, co-gobernar sobre o Ponto e asegura-la sucesión dos seus fillos lexítimos.

Comezo do reinado

[editar | editar a fonte]

Mitrídates tiña ambicións de facer do seu estado o poder dominante no Mar Negro e en Anatolia. Primeiro subxugou a Cólquida, unha rexión ao leste do mar Negro ocupada pola actual Xeorxia, e antes do 164 a.C., un reino independente. Despois enfrontouse pola supremacía na estepa póntica co rei escita Palacus. Os centros máis importantes de Crimea, o Quersoneso Táurico e o Reino do Bósforo cederon facilmente a súa independencia a cambio das promesas de Mitrídates de protexelos contra os escitas, os seus antigos inimigos.[13] Despois de varios intentos infrutuosos de invadir Crimea, os escitas e os aliados Roxolanos sufriron grandes perdas a mans do xeneral póntico Diofanto e aceptaron a Mitrídates como o seu señor supremo.

Mapa do Reino do Ponto: antes do reinado de Mitrídates VI (vermello escuro), despois das súas conquistas (vemello) e despois das súas conquistas na Primeira guerra mitridatica (rosa), incluíndo o seu aliado, o Reino de Armenia (verde).

A seguir, o rei mozo volveu entón a súa atención a Anatolia, onde o poder romano estaba en aumento. Conseguiu repartirse Paflagonia e Galacia co rei Nicomedes III de Bitinia. Probablemente foi con motivo da invasión paflagónica do 108 a.C. cando Mitrídates adoptou a era bitiniana, para usar nas súas moedas en honra á alianza. Esta era do calendario comezou co primeiro rei de Bitinia, Zipoites I no 297 a.C., e estivo en uso no Ponto até o no 96 a.C., polo menos.[14]

Con todo, axiña quedou claro para Mitrídates que Nicomedes estaba dirixindo o seu país a unha alianza antipóntica coa República Romana, que estaba en proceso de expansión. Cando Mitrídates pelexou con Nicomedes polo control de Capadocia, e o derrotou nunha serie de batallas, este último viuse obrigado a pedir abertamente a axuda de Roma. Os romanos interferiron dúas veces no conflito en nome de Nicomedes (95–92 a.C.), deixando a Mitrídates, se este desexaba continuar a expansión do seu reino, sen máis remedio que participar nunha futura guerra romano-póntica. Nese momento Mitrídates decidiu expulsar aos romanos de Asia.[13]

Guerras mitridáticas

[editar | editar a fonte]

O seguinte gobernante de Bitinia, Nicomedes IV de Bitinia, foi un dos principais aliados dos romanos. Mitrídates conspiraba para derrocalo, pero os seus intentos fracasaron e Nicomedes IV, instigado polos seus conselleiros romanos, declarou a guerra ao Ponto. A propia Roma estaba nese momento implicada na Guerra Social, unha guerra civil cos seus aliados itálicos; como resultado, só había dúas lexións presentes en toda a Asia romana, ambas as dúas en Macedonia. Estas lexións uníronse co exército de Nicomedes IV para invadir o Reino do Ponto de Mitrídates no 89 a.C. Mitrídates obtivo unha vitoria decisiva, dispersando as forzas dirixidas polos romanos e o seu exército foi benvido en toda Anatolia. Ao ano seguinte, 88 a.C., Mitrídates orquestrou un xenocidio de colonos romanos e itálicos que permaneceron en varias cidades importantes de Anatolia, incluíndo Pérgamo e Tralles (actual Aydın), eliminando esencialmente a presenza romana na rexión. O episodio coñeceuse como as Vésperas Asiáticas[15] e, se afirma, que unhas 80.000 persoas morreron no masacre.[2]

O Reino do Ponto comprendía unha poboación mixta nas súas cidades xónicas gregas e anatolias. A familia real trasladou a capital de Amasia á cidade grega de Sinope. Os seus gobernantes intentaron asimilar plenamente o potencial dos seus súbditos mostrando unha cara grega ao mundo grego e unha cara iraniana/anatolia ao mundo oriental. Sempre que a brecha entre os gobernantes e os seus súbditos de Anatolia aumentaba, facían énfase nas súas orixes persas. Deste xeito, a propaganda real reclamou a herdanza dos gobernantes persas e gregos, incluíndo Ciro o Grande, Darío I de Persia, Alexandre Magno e Seleuco I Nicátor.[16] Mitrídates tamén se fixo pasar por un campión do helenismo, pero isto foi principalmente para promover as súas ambicións políticas; non hai ningunha proba de que sentise a misión de promover a súa extensión dentro dos seus dominios.[13] Calquera que fosen as súas verdadeiras intencións, as cidades gregas (incluída Atenas) desertaron ao lado de Mitrídates e acolleron aos seus exércitos na Grecia continental, mentres que a súa frota asediaba aos romanos en Rodas. O seu veciño do sueste, o rei de Armenia, Tigranes o Grande, estableceu unha alianza con Mitrídates e casou cunha das fillas de Mitrídates, Cleopatra do Ponto. Os dous gobernantes seguirían apoiándose mutuamente no vindeiro conflito con Roma.[17]

Espazos onde se produciu a Primeira guerra mitridática (87-86 a. C.)
Moeda póntica (tetradracma) que reproduce o busto de Mitríades VI.

Os romanos responderon ó masacre do 88 a.C. organizando unha gran forza de invasión para derrotar a Mitrídates e apartalo do poder. A Primeira guerra mitridática, librada entre o 88 e o 84 a. C., viu como Lucio Cornelio Sila expulsou a Mitridates da propia Grecia. Despois de lograr a vitoria en varias batallas, Sila recibiu noticias de problemas en roma polo retorno do seu rival Caio Mario polo que concluíu apresuradamente as conversacións de paz con Mitrídates. Cando Sila regresou a Italia, Lucio Licinio Murena quedara á fronte das forzas romanas en Anatolia. O tratado de paz indulxente, que nunca foi ratificado polo Senado, permitiu a Mitrídates VI restaurar as súas forzas. Durante este conflito, un grupo dos seus partidarios, Minio e Filótimo de Esmirna, e Clístenes e Asclepiodoto de Lesbos, conspiraron para matalo. Porén, Asclepiodotus cambiou de idea e converteuse nun informante e procurou que Mitrídates se agochase debaixo dunha cadeira grande para escoitar o complot contra el. Mitrídates, torturou e executou aos conspiradores e tamén matou as familias e amigos dos conspiradores.[18]

No 83 a.C., Murena atacou a Mitrídates no provocando a Segunda guerra mitridatica do 83 ao 81 a.C., na que Mitrídates derrotou ás dúas lexións de Murena na batalla de Halis no 82 a.C. antes de que a paz fose declarada de novo por tratado.

Cando Roma intentou anexionarse Bitinia (legada a Roma polo seu último rei) case unha década despois, Mitrídates atacou cun exército aínda maior, o que provocou a Terceira guerra mitridatica do 73 a.C. ao 63 a.C. Daquela, Lucio Licinio Lúculo foi enviado contra Mitrídates e os romanos derrotaron ás forzas pónticas na batalla de Cabira no 72 a. C., levando a Mitrídates ao exilio na Armenia de Tigranes. Mentres Lúculo estaba preocupado por loitar contra os armenios, Mitrídates remontou para recuperar o Ponto esmagando catro lexións romanas ao mando de Valerio Triario e matando a 7.000 soldados romanos na batalla de Zela no 67 a.C. Finalmente, foi derrotado polas lexións de Pompeio na batalla do río Lico no 66 a.C.

Despois desta derrota, Mitrídates fuxiu cun pequeno exército cara a Cólquida e despois sobre as montañas do Cáucaso ata Crimea e fixo plans para levantar outro exército para enfrontarse aos romanos. O seu fillo máis vello vivo, Machares, vicerrei do Bósforo cimerio, non estaba disposto a axudar ao seu pai. Mitrídates matou a Machares, e Mitrídates tomou o trono do reino do Bósforo. Entón ordenou o recrutamento e os preparativos para a guerra. No 63 a.C., outro dos seus fillos, Farnaces II do Ponto, dirixiu unha rebelión contra o seu pai, xunto aos exiliados romanos no núcleo do exército póntico de Mitrídates. Mitrídates retirouse á cidadela de Panticapaeum, onde se suicidou. Pompeio enterrou a Mitrídates nas tumbas escavadas na rocha dos seus antepasados ​​en Amasia, a antiga capital do Ponto.

Representación do poder

[editar | editar a fonte]
Imaxe tomada da páxina 605 do libro de H. G. Liddell (1857) titulado, A History of Rome from the early times to the establishment of the Empire [Identificador BL: 002163529]. No anverso: efixie de Mitradates VI; no reverso, incsrición ΒΑΣΙΛΕΩΣ ΜΙΘΡΑΔΑΤΟΥ ΕΥΠΑΤΟΡΟΣ; tamén aparece uncervo comendo, nun campo, cunha media lúa e estrela, e o Monograma de Pérgamo, onde a moeda foi acuñada cando Mitrídates residía alí.

Mentres os seus antepasados ​​perseguían o filohelenismo como medio para acadar respetabilidade e prestixio entre os reinos helenísticos, Mitrídates VI usou o helenismo como ferramenta política e gregos, romanos e asiáticos eran benvidos na súa corte.[2] Como protector das cidades gregas no Mar Negro e en Asia contra a barbarie, Mitrídates VI converteuse loxicamente en protector de Grecia e da cultura grega, e utilizou esta postura nos seus enfrontamentos con Roma.[19] Estrabón mencionou que o Quersoneso cedera baixo a presión dos bárbaros polo que pediran a Mitrídates VI que se convertese no seu protector (7.4.3. c.308). O símbolo máis impresionante da relación de Mitrídates VI con Grecia (en particular Atenas) aparece en Delos: un Heroon dedicado ao rei póntico no 102/101 a. C. polo ateniense Helianax, sacerdote de Poseidón Aisios.[20] Igualmente, outra dedicatoria en Delos, por Diceo, un sacerdote de Serapis, foi feita no 94/93 a. C. en nome dos atenienses, romanos e do "rei Mitrídates Eupator Dioniso".[21] Os estilos gregos mesturados con elementos persas tamén abundaron nas moedas oficiais pónticas: Perseo era favorecido como intermediario entre ámbolos dous mundos, Oriente e Occidente.[22]

Seguramente influído por Alexandre Magno, Mitrídates VI estendeu a súa propaganda dende o "defensor" de Grecia ata o "gran liberador" do mundo grego xa que a guerra coa República Romana se fixo inevitable. Os romanos foron facilmente traducidos a "bárbaros", no mesmo sentido que o Imperio persa durante a guerra con Persia na primeira metade do século V a.C. e durante a campaña de Alexandre. Nunca se saberá cantos gregos estiveron de acordo con esta afirmación mais cumpriu o seu propósito. Quizais en parte por iso, Mitrídates VI puido loitar na Primeira Guerra contra Roma en terreos gregos e manter a lealdade de Grecia.[23] A súa campaña para conseguir a lealdade dos gregos foi facilitada, en gran parte, polo seu inimigo Sila, cando permitiu que as súas tropas saqueasen a cidade de Delfos e roubasen moitos dos tesouros máis famosos da cidade para axudar a financiar os seus gastos militares.

Despois de que Pompeio o derrotase no Ponto, Mitrídates VI fuxiu ás terras ao norte do Mar Negro no inverno do 66 a. C. coa esperanza de poder reunir un novo exército e continuar a guerra invadindo Italia polo Danubio.[2] Os seus preparativos resultaron ser demasiado duros para os nobres e a poboación locais, e estes rebeláronse contra o seu goberno. Posteriormente, declarou que intentara suicidarse con veleno pero fracasara por mor da súa inmunidade á substancia.[24] Segundo a Historia romana de Apiano, entón pediu ao seu gardacostas e amigo galo, Bituito, que o matase a espada:

Mitrídates sacou entón un veleno que sempre levaba xunto á súa espada e mesturouno. Alí dúas das súas fillas, que aínda eran nenas que medraban xuntas, chamadas Mitrídates e Nisa, que estiveran prometidas cos reis de Exipto [Ptolomeo] e de Chipre, pedíronlle que as deixase tomar un pouco do veleno primeiro, e insistiron encarecidamente. e impedíronlle beber ata que tomaron e tragaron. A droga fixo efecto sobre eles dunha vez; pero sobre Mitrídates, aínda que camiñaba rapidamente para acelerar a súa acción, non tivo efecto, porque se acostumara a outras drogas probándoas continuamente como medio de protección contra os envelenadores. Estas aínda se chaman drogas mitridáticas. Ao ver alí a un tal Bituito, oficial dos galos, díxolle: "Moito me saquei do teu brazo dereito contra os meus inimigos. Aproveitarei sobre todo se me matas e salvas do perigo de ser levado nun triunfo romano a quen foi autócrata tantos anos e gobernante de tan gran reino, pero que agora non pode morrer por veleno porque, coma un parvo, se fortaleceu contra o veleno dos demais. Aínda que vixín e protexei contra todos os velenos que un toma coa súa comida, non provei contra ese veleno doméstico, sempre o máis perigoso para os reis, a traizón do exército, dos nenos e dos amigos". Bituito, así apelado, prestou ao rei o servizo que desexaba.

Por outra banda,Dión Casio na súa Historia romana ofrece un relato diferente:

Mitrídates intentara escapar a si mesmo, e despois de matar primeiro as súas mulleres e fillos restantes por veleno, tragara todo o que quedaba; aínda así nin por ese medio nin pola espada puido perecer polas súas propias mans. Pois o veleno, aínda que mortífero, non lle prevalecía, xa que el tiña acostumada a el a súa constitución, tomando cada día antídotos de precaución en grandes doses; e a forza do golpe de espada diminuíu por mor da debilidade da súa man, causada pola súa idade e as desgrazas actuais, e como consecuencia de tomar o veleno, fose o que fose. Cando, polo tanto, non conseguiu quitar a súa vida polos seus propios esforzos e parecía demorarse máis aló do tempo oportuno, os que enviara contra o seu fillo caeron sobre el e apresuraron a súa fin coas súas espadas e lanzas. Así, Mitrídates, que experimentara a máis variada e notable fortuna, non tivo nin sequera un final ordinario para a súa vida. Porque desexaba morrer, aínda que sen querer, e aínda que ansioso por suicidarse non puido facelo; pero en parte polo veleno e en parte pola espada foi ao mesmo tempo asasinado e asasinado polos seus inimigos.[25]

Por orde de Pompeio, o corpo de Mitrídates foi enterrado máis tarde xunto aos seus antepasados (en Sinope ou Amaseia).[7] O monte Mitrídates no centro de Kerch e a cidade de Ievpatoria en Crimea conmemoran o seu nome.

O "Antídoto de Mitrídates"

[editar | editar a fonte]

Na súa mocidade, despois do asasinato do seu pai Mitrídates V no ano 120 a. C., dise que Mitrídates viviu no deserto durante sete anos, pasando grandes dificultades. Mentres estaba alí e despois do seu acceso ao trono, cultivou a inmunidade aos velenos inxerindo regularmente doses subletais de velenos, particularmente o arsénico[26] que foi o que matou o seu pai Mitrídates V.[27] Esta forma de hormese é eficaz contra algunhas pero non contra tódalas toxinas e, posteriormente, coñeceuse como Mitridatismo ou Mitridatización. Despois de converterse en rei do Ponto, Mitrídates continuou estudando velenos e desenvolvendo antídotos, cuxas eficacias iniciais foron probadas en criminais pónticos condenados a morte. Igualmente, tamén se sabe que Atalo III de Pérgamo (m. 133 a. C.) estudou velenos e antídotos deste xeito.[28]

De acordo coa maioría das prácticas médicas da súa época, as rutinas antitoxinas de Mitrídates incluían un compoñente relixioso; foron supervisados ​​polos Agari, un grupo de xamáns escitas que nunca o abandonaron. (Tamén estaba protexido no seu sono por un cabalo, un touro e un cervo, que gemía, berraba e balía cando alguén se achegaba ao leito real).[29] O médico grego Cratevas puido traballar directamente baixo Mitrídates ou puido estar en correspondencia con el.[30] Tamén se dixo que Mitrídates recibiu mostras como megalio e kyphi[31] de Zópiro de Alexandría[32] e tratados de Asclepíades de Bitinia en lugar dunha visita solicitada.[33] No momento da súa morte, no 63 a. C., Mitrídates desenvolveu un complexo "antídoto universal" contra o envelenamento, que tomaba todos os días con auga fría de manancial[26] e que se coñeceu como mitrídates ou mitridatium. Dicíase que o consumía a diario. A fórmula orixinal perdeuse por completo,[34] aínda que Plinio informa que os diversos antídotos de Mitrídates adoitaban incluír o sangue de patos pónticos (posiblemente patos canelos), que se alimentaban de plantas velenosas[33] como o eléboro[35] e a cicuta[36] e así proporcionou unha especie de soro contra eles. Noutro lugar, Plinio informa que as notas sobreviventes do traballo de Mitrídates non incluían ingredientes exóticos[37] e que Pompeio atopou unha receita de antídoto entre as notas de Mitrídates que consistía en 2 noces secas, 2 figos e 20 follas de ruda, que se supoñían triturados xuntos e tomados cun chisco de sal por unha persoa que levase xaxún polo menos un día.[38]

As lexións baixo o mando de Pompeio que derrotaran a Mitrídates, mataron tamén ao seu secretario Calístrato e queimaron algúns dos seus papeis,[39] pero tamén levaron unha extensa biblioteca de medicinas e unha colección de espécimes a Roma onde, Leneo, o escravo de Pompeio os traduciu ao latín[40][41] e os médicos romanos como Aulo Cornelio Celso comezaron a prescribir varias receitas baixo o nome de antídoto de Mitrídates (en latín: antidotum Mithridaticum). Desde o século I sobreviven numerosas receitas[42][43][44][45] que consisten todas nun electuario polifarmacéutico, incluíndo rícino de castores consumidores de salgueiro[35] e opio endulzado con mel -o mel póntico tende a conter cantidades leves de veleno de plantas locais como o rododendro e a adelfa-,[35] pero doutro xeito todos diferían en ingredientes e cantidades.[46]

Parece probable que Pompeio e Leneo mantiveron en segredo a receita persoal de Mitrídates, o que provocou varios intentos de recreala despois da súa morte:[47] así, na época de Tiberio, un pai e un fillo estranxeiros chamados Pacio fixéronse ricos vendendo a súa propia receita secreta.[48] Ao mesmo tempo, Celso avogou por tomar unha cantidade diaria da súa preparación do tamaño dunha améndoa de xenxibre con viño.[49] Andrómaco, o médico da corte de Nerón, desenvolveu a teriaca (Theriaca Andromachi) complementando as versións da fórmula de Mitrídates coñecidas no seu día con máis opio, sementes de papoula,[48] e unha adición homeopática de carne de víbora.[42] Unha das cubas descubertas en Pompeia parece que se utilizou para crear esta versión do antídoto de Mitrídates.[48] Galeno engadiu aínda máis opio[50] e un escíncido na súa versión da receita.[51] Das plantas que comparten estas primeiras formas de mitridatium, moitas parecen ser moi odoríferas[49] ou mostrar capacidades antibacterianas[52] e antiinflamatorias;[49] tamén é de destacar que os alcaloides bioactivos[49] e os velenos non están amplamente representados.[37]

O antídoto de Mitrídates e a teriaca continuaron a ser produtos básicos da medicina occidental e islámica durante o século XIX,[42] consumidos por César[48] e por emperadores, reis e raíñas, incluíndo Marco Aurelio,[51] Septimio Severo,[53] Alfredo o Grande, Carlomagno,[50] Henrique VIII,[50] e a raíña Isabel.[50] Algunhas preparacións medievais tiñan ata 184 ingredientes.[50] Debido á idea de que as enfermidades podían ser causadas por "velenos internos", os antídotos tamén chegaron a ser considerados como panaceas capaces de curar os danos das caídas, algunhas enfermidades ou, mesmo, tódalas enfermidades.[49]

Cando fracasou esa idea, creuse que o problema era debido a unha preparación ou almacenamento inadecuados, o que levou a algunhas xurisdicións a esixir legalmente a súa preparación á vista do público nas prazas da cidade.[54] As preocupacións sobre a pureza do mitridato e a posterior ineficacia estiveron moi relacionadas co desenvolvemento da regulación médica e farmacéutica.[54] O mitridato segue dispoñible para algúns médicos, especialmente no Oriente Medio.[42] Porén, xa dende Plinio, algúns o consideraban unha fraude[55] e os seus diversos compoñentes e proporcións como pseudocientíficas.[56] Os médicos chineses recibiron mostras de mitridato de embaixadores musulmáns durante a dinastía Tang pero nunca o popularizaron nin defenderon.[50] O científico islámico Averroes, pola súa banda, cría que podería ser útil nalgúns casos, pero advertiu contra o consumo regular por parte dos sans xa que "podería transformar a natureza humana nunha especie de veleno".[50] Fracasou notablemente como cura para a peste e a epilepsia,[49] e Antitheriaca de William Heberden de 1745 (grego: Αντιθηριακα, Antithēriaka) axudou a desacreditalo totalmente en Inglaterra.[54] No século XIX, só estaba sendo prescrito para a dispepsia ou descrito só como de interese histórico.[49]

Mitrídates, políglota

[editar | editar a fonte]

No relato de Plinio o Vello dos famosos políglotas, Mitrídates podía falar as linguas das vinte e dúas nacións que gobernaba.[nota 2] Esta reputación levou ao uso do nome de Mitrídates como título nalgúns traballos posteriores sobre lingüística comparada, como o Mithridates de differentiis linguarum de Conrad Gessner (1555) e o Mithridates oder allgemeine Sprachenkunde (1806–1817) de Adelung e Vater.[nota 3]

Esposas, amantes e fillos

[editar | editar a fonte]

Mitrídates VI tivo esposas e amantes, das que tivo varios fillos. Os nomes que lles deu a estes son unha representación da súa herdanza e ascendencia persa e grega.

A súa primeira esposa foi a súa irmá Laodice. Estiveron casados ​​dende 115 a.C.-113 a.C. até preto do 90 a.C. Tiveron varios fillos: Mitrídates, Arcacio, Macares e Farnaces II do Ponto. As súas fillas foron Cleopatra do Ponto (ás veces chamada Cleopatra a Vella para distinguila da súa irmá do mesmo nome) e Dripetina (unha forma diminutiva de "Dripetis"). Dripetina foi a filla máis devota de Mitrídates VI. Os seus dentes de leche nunca lle caeron, polo que tiña un dobre xogo de dentes.

A súa segunda esposa foi unha nobre macedonia grega, Monima. Estiveron casados ​​desde aproximadamente o 89-88 a.C. até o 72-71 a.C. e tiveron unha filla, Atenea, que casou co rei Ariobarzanes II de Capadocia. As súas dúas seguintes esposas tamén foron gregas: estivo casado coa súa terceira esposa Berenice de Quíos, desde o 86 a.C. ata o 72-71 a.C.; a cuarta muller, Estratonice, deulle outro fillo, Xifares. Descoñécese quen foi a súa quinta muller. A súa sexta esposa Hipsicratea, famosa pola súa lealdade e proeza na batalla, era do Cáucaso, e casaron nunha data descoñecida até o 63 a.C.

Unha das súas amantes foi a princesa celta gálata, Adobogiona a Maior. Con ela, Mitrídates tivo dous fillos: un fillo chamado Mitrídates I do Bósforo e unha filla chamada Adobogiona a Moza.

Os fillos que tivo das súas concubinas foron Ciro, Xerxes, Darío, Ariarates IX de Capadocia, Artafernes, Oxatres, Fénix (fillo de Mitrídates cunha amante de orixe siria) e Exípodras, que leva o nome de reis do Imperio persa, do que se proclamaba descendente. As súas fillas nacidas de concubinas foron Nisa, Eupatra, Cleopatra a Nova, Mitridatis e Orsabaris. Nisa e Mitridatis, estaban comprometidas cos faraóns gregos exipcios Ptolomeo XII Auletes e co seu irmán Ptolomeo de Chipre.

No 63 a.C., cando o reino do Ponto foi anexionado polo xeneral romano Pompeio, as irmás, esposas, amantes e fillos restantes de Mitrídates VI no Ponto foron condenadas á morte. Plutarco, escribindo nas súas Vidas (Pompeio, v. 45), afirma que a irmá de Mitrídates e cinco dos seus fillos participaron na procesión triunfal de Pompeio ao seu regreso a Roma no 61 a.C.

Arquelao, un nobre grego de Capadocia e sumo sacerdote do templo-estado de Comana, Capadocia, parece que era descendente de Mitrídates VI e, mesmo, afirmaba ser fillo del,[57] mais a cronoloxía suxire que Arquelao puido ser en realidade un neto materno do rei póntico, e fillo do xeneral favorito de Mitrídates VI, que puido casar co algunha das fillas de Mitrídates VI.[58]

  1. A grafía "Mitridates" era a versión latina romana, pero "Mitradates", era a grafía usada nas inscricións gregas e nas propias moedas de Mitrídates. Na actualidades, téndese a recuperar a grafía grega (por exemplo, na 3ª edición do Oxford Classical Dictionary).
  2. Plinio o Vello, Naturalis Historia, VII, 24: "Mitridates, que era rei de vinte e dúas nacións, administraba as súas leis en tantas linguas, e podía arengar a cada unha delas, sen empregar un intérprete:"
  3. Johann Christoph Adelung & Johann Severin Vater, Mithridates, oder allgemeine Sprachenkunde mit dem Vater Unser als Sprachprobe in bey nahe fünf hundert Sprachen und Mundarten. (1806–1817). Berlin: Vossische Buchlandlung, 4 volumes. [Edición facsímile, Hildesheim-Nova York: Georg Olms Verlag, 1970]: "Mitrídates tamén falaba con fluidez a antiga lingua dos persas e practicaríaa con calquera prisioneiro persa que aínda non matara nin torturara".
Referencias
  1. Højte 2009, p. 121
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Simpson, Roger Henry (3 de abril de 2020). "Mithradates VI Eupator". Encyclopedia Britannica, (en inglés). Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  3. Hewsen 2009, p. 41
  4. Mayor 2009, p. 1
  5. Schmitt 2005
  6. McGing, Brian (15 de xullo de 2009). "MITHRADATES VI". iranicaonline.org (en inglés). Archived from the original on 17 de maio de 2013. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  7. 7,0 7,1 Højte, Jakob Munk (14 de abril de 2009). "The Death and Burial of Mithridates VI". pontos.dk (en inglés). pp. 121–130. Archived from the original on 03 de marzo de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2022. 
  8. Mayor 2009, p. 68
  9. Mayor 2009, p. 69
  10. 10,0 10,1 Mayor 2009, p. 394
  11. Mayor 2009, p. 100
  12. Cohen 2006, p.387
  13. 13,0 13,1 13,2 Simpson, Roger Henry (3 de abril de 2020). "Mithradates VI Eupator, king of Pontus". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2022. 
  14. Højte 2006, 15–30.
  15. Mayor 2009
  16. McGing 1986, p. 11
  17. Kurdoghlian (1994), pp. 67–76.
  18. "Appian, The Mithridatic Wars 10, 48". livius.org (en inglés). 2005 [derradeira actualización 15 de xullo de 2020]. Consultado o 27 de novembro de 2022. 
  19. McGing 1986, p. 64
  20. McGing 1986, p. 90
  21. McGing 1986, pp. 91–92
  22. McGing 1986, pp. 93–102
  23. McGing 1986, pp. 125–126
  24. LeGlay et al. A History of Rome, p. 100
  25. Dión Casio 37,13
  26. 26,0 26,1 Mayor (2014), p. 28.
  27. McGing 1986, p. 43
  28. Totelin (2004), p. 3
  29. Mayor (2003), p. 148
  30. Totelin (2004), p. 4
  31. Norton 2006, pp. 60–66
  32. Totelin (2004), p. 5
  33. 33,0 33,1 Plinio, Naturalis Historia, Libro XXV, 5-7
  34. Totelin (2004), p. 2
  35. 35,0 35,1 35,2 Mayor (2014), p. 24
  36. Mayor (2014), p. 29.
  37. 37,0 37,1 Mayor (2014), p. 32
  38. Plinio, Naturalis Historia, Libro XXIII, 77
  39. Mayor (2014), p. 33
  40. Totelin (2004), p. 5.
  41. Plinio, Natural History, Libro XXV, III
  42. 42,0 42,1 42,2 42,3 Totelin (2004), p. 2
  43. Escribonio, Compositiones, 170
  44. Galeno, De Antidotis, Vol. II, capítulo 1
  45. Celso, De Medicina, Vol. V, 23.3
  46. Totelin (2004), pp. 7–8.
  47. Totelin (2004), p. 9
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 Mayor (2014), p. 30
  49. 49,0 49,1 49,2 49,3 49,4 49,5 49,6 Norton (2006), pp. 60–66
  50. 50,0 50,1 50,2 50,3 50,4 50,5 50,6 Mayor (2014), p. 31
  51. 51,0 51,1 Totelin (2004), p. 10
  52. Mayor (2014), p. 27.
  53. Totelin (2004), p. 14
  54. 54,0 54,1 54,2 Grifin (2004), pp. 317–325
  55. Plinio, Natural History, XXIX,8
  56. Totelin (2004), p. 16
  57. Estrabón 17, 1.11
  58. Mayor (2009), p. 114

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]